DATOS TÉCNICOS
Inicio: Adro da igrexa dos Ánxeles. [42.849594, -8.675300]
Remate: Adro da igrexa dos Ánxeles [42.849594, -8.675300]
Kms: 9, variante por Vilanova 11
Dificultade: baixa
A pé: si
Bicicleta: si
Nenos: si
Mascotas: si
Adaptada: non, a variante por Vilanova si que vai toda por asfalto
Auga potable: si (adro dos Ánxeles, Alqueidón, balneario do Tremo, Lamiño, Río Pego)
Perfil: 


DESCRICIÓN
RUTA 4 - VERMELLO: Igrexa dos Ánxeles - O Tremo- Carballeira de Santa Minia - Río Pego - Igrexa dos Ánxeles
Variante por Vilanova: 2 kms. máis

Andaina circular de 9 kms. de distancia e dificultade baixa ao discorrer na súa totalidade pola zona do Val da Mahía.

A ruta vai polas parroquias brionesas de San Fins de Brión e Santa María dos Anxeles e percorre algúns dos lugares máis emblemáticos da contorna: Pedrouzos , a capitalidade do concello de Brión, coa carballeira e santuario de Santa Minia, o paseo do Pégo, o conxunto parroquial dos Anxeles,  o castro de Lamiño...  Abeira tamén dous dos establecementos hoteleiros do Concello: o Balneario do Tremo e o Hotel Casa Rosalía.

O percorrido iníciase na Igrexa parroquial dos Anxeles, monumental templo barroco do século XVIII, unha das “catedrais da Amaía” ao dicir dalgún erudito. A igrexa encádrase dentro dun magnmífico conxunto arquitectónico, coa casa rectoral, adro, palco de música e cruceiro. A escasos metros está o hotel Casa Rosalía.

Báixase desde o adro ata a estrada que une Brión ca Picaraña e cóllese cara á esquerda e aos poucos metros xa se colle cara á dereita baixando pola rúa da Fonte ata o núcleo primitivo do Alqueidón, coa súa típica fonte de Santo Antonio. Seguindo a rúa de Santiago (antigo camiño real de Santiago a Noia) sáese á avenida de Noia, na estrada que une Santiago con Noia, e aquí collendo á dereita ao longo desta avenida (está sinalizado un pequeno desvío para ir polo interior e non ir todo o traxecto pola estrada principal) chégase ao lugar do Tremo. Alí hai que  admirar a capela de Guadalupe e tomar curas nas augas sulfurosas do Balneario do Tremo. Todo este tramo coincide coa ruta que vén de Vidaloíso ata os Anxeles (cor añil), a nosa en dirección da igrexa ó balneario e a añil no sentido contrario.

No semáforo diante da capela da Guadalupe cruzamos cara ó outro lado e subimos pola arboreda da antiga feira do Tremo (antes de cruzar, recoméndase achegarse ata o entorno do balneario para ver os impresionantes carballos e a fonte de augas sulfurosas). Unha vez pasada esta, collemos á dereita e logo á esquerda, atravesando os lugares de Guitiande e Adoufe. Andando un quilómetro e medio ponse un no curuto do castro de Lamiño, un exemplar de tamaño reducido, pero ben conservado. Neste tramo hai varias opcións para poder acurtar o camiño, como se pode ver no mapa da ruta.

Os seguintes l.500 metros, que nos levarán ata a Carballeira de Santa Minia,  comprenden unha pequena ascensión ata as proximidades do lugar de Brans de Abaixo; alcanzada a pista deste lugar, vaise por entre casas de Lamiño ata Pedrouzos por terreo chan.

Pedrouzos é a capitalidade do concello de Brión, alí están boa parte dos seus edificios institucionais (casa do concello, casa da cultura, biblioteca, centro de saúde, centros educativos, instalacións deportivas, etc.). O Santuario de Santa Minia (edificio decimonínico inacabado) garda as reliquias desta Santa, da que se celebra a súa romaría o 26 e 27 de setembro, unha das máis concorridas de Galicia.

Nos tres quilómetros seguintes de suaves baixadas hanse de atravesar os lugares de Cabreiros, Riazoas e Liñares, todos da parroquia de Brión, para alcanzar o Paseo do río Pego, xa entrando na parroquia dos Anxeles. Ao sair da carballeira pódese ver enfrente a casa do Concello, a ruta segue pola estrada que hai pola marxe dereita deste edificio, en dirección a Cabreiros. Atravésase esta aldea e ao saír ao seguinte cruce hai que coller cara á dereita e despois desviarse de novo no primeiro cruce cara á esquerda, pola aldea de Riazoas.

Nas últimas casas deste núcleo, onde remata o asfalto nunha horta, xusto antes de entrar na horta hai un pequeno camiño á man dereita que leva cara o monte bordeando a horta da casa, saindo a outro camiño de monte onde hai que coller á esquerda e que nos leva ata unha zona urbanizada, sen edificios. Cruzando a estrada, seguimos recto por un camiño de terra que nos leva a unha finca rodeada dun muro baixo de pedra e cunha casa abandonada.

Ao chegar ás casas da Buratiña collemos cara á dereita e onde remata o asfalto seguimos polo camiño de monte uns metros e despois xa está sinalizado o desvío cara á esquerda. Este camiño vai sair de novo a unha estrada asfaltada onde collemos primeiro á esquerda, despois, no segundo cruce, á dereita e no seguinte cruce de novo á esquerda para chegar á estrada xeral que vén desde o cruce dos Ánxeles cara Pedrouzos.

Desde este punto pódese ver á dereita a rotonda da autovía. Hai que cruzar a estrada para ir pola beira de enfrente, cruzar a rotonda e continuar pola xeral ata o río Pego. Xusto antes de cruzar a ponte deste río hai un camiño á man esquerda que nos levará á área recreativa, por onde continúa a ruta.

O volta pola beira deste afluente do Sar ten a penas un quilómetro de longo e está cuberta de exuberante vexetación; no seu percorrido hai algún muíño rehabilitado  e mesas e bancos de pedra para descansar; rodea a urbanización do Balado.

Embocando na estrada Santiago-Noia, sóbese  pola avenida de Noia, por diante do centro comercial Monte Balado, ata a encrucillada da Gándara ou dos Anxeles; na rotonda tórcese á esquerda direción Picaraña pola avenida dos Anxeles. Andados un cincocentos metros, atópase á dereita de novo a igrexa parroquial dos Anxeles, rematando así a ruta.

Ao longo do percorrido, o camiñante atopará fontes de auga fresca no Paseo do Pégo, adro dos Anxeles, fonte de santo Antonio do Alqueidón, balneario do Tremo, Lamiño e Pedrouzos

VARIANTE POR VILANOVA
Se alguén quere facer un par de quilómetros máis, está sinalizado un desvío que desde a Igrexa dos Ánxeles nos leva por diante do Hotel Rosalía e desde a rotonda collemos cara as aldeas de Estrar e Vilanova. Desde aquí collemos dirección a aldea do Cabo e desde alí xa imos directos ao Balneario do Tremo. Este desvío vai practicamente todo por asfalto polo que é moi cómodo para facer con sillas de nenos.

Baixando desde a Igrexa dos Ánxeles á estrada que vai de Brión á Picaraña, collemos cara á dereita, seguindo o mesmo camiño que a ruta de Vidaloíso, pintada en añil, uns poucos metros. Ao pasar o Mesón O Adro, a ruta añil colle un camiño á esquerda pero a nosa continúa recto ata a rotonda. Aquí collemos a primeira saída da esquerda e aos poucos metros cruzamos a estrada para coller á dereita o camiño que leva a Estrar.

Ao chegar ao primeiro cruce collemos cara á dereita, volvendo a cadrar coa ruta añil. Atravesamos a aldea de Estrar e na saída desta aldea, aos poucos metros a ruta añil colle un camiño de monte á dereita pero nós continuamos recto cara Vilanova.

Na aldea do Cabo, collemos cara á dereita o desvío que nos leva pola rúa de San Ramón ata a capela da Nosa Señora de Guadalupe, no Tremo.

Aquí temos tres opcións: podemos coller cara á dereita e ir ver o entorno do Balneario do Tremo cos seus carballos centenarios e a fonte de auga sulfurosa, podemos coller cara á esquerda seguindo o camiño, de novo, da ruta de Vidaloíso (cor añil) e volver á igrexa dos Ánxeles, ou podemos cruzar no semáforo e seguir a ruta de cor vermella que leva á Carballeira de Santa Minia.

Descarga da descrición en pdf: pincha aq

DESCARGA MAPAS
Descarga mapa en pdf: pincha aquí
Descarga mapa con variante por Vilanova en pdf: pincha aquí
Descarga mapa en googlemaps: pincha aquí
Descarga mapa en wikiloc: pincha aquí

DESCARGA TRACKS
Formato gpx: pincha aquí
Formato kml: pincha aquí
Formato kmz: pincha aquí
Formato tcx: pincha aquí

FOTOS
Enlace a fotos: pincha aquí

Copyright © Rutas de Sendeirismo no Concello de Brión - Concello de Brión