DATOS TÉCNICOS
Inicio: Carballeira
de Santa Minia. [42.867310, - 8.677552]
Remate: Carballeira
de Santa Minia. [42.867310, - 8.677552]
Kms: toda: 22, tramo
1: 8 aprox, tramo 2: 7 aprox, tramo 3: 10 aprox
Dificultade: media
A pé: si
Bicicleta: si
Nenos: si
Mascotas: si
Adaptada: non
Auga potable: si (Gondar,
Aguiar)
Perfil:
DESCRICIÓN
RUTA 5 - LARANXA: Carballeira de Santa Minia – Torres de Altamira – Pozo Negro – Ons
Andaina circular de 22 kms. de distancia e dificultade media cunha pequena subida desde a Carballeira ata as Torres de Altamira, non superando o desnivel en toda a ruta os 180 metros. Discorre na súa meirande parte por terreo arborado e ten como principais atractivos as ruínas do castelo de Altamira, o campo de mámoas de Rañalonga, a fervenza do Pozo Negro e as igrexas de Santa Minia e parroquial de Ons.
Ten un percorrido circular, con principio e fin na capitalidade do Concello de Brión e discorre, con dirección leste – oeste, polo norte do termo municipal. No seu tramo central, vai pola ribeira do río Tambre.
A ruta comeza en Pedrouzos, na carballeira de Santa Minia, cunha altitude nese punto de 100 m. sobre o nivel do mar. Sáese pola rúa de Gondar e discorre uns 300 m. por asfalto para torcer á esquerda polo monte cara Aguiar e Brans de Arriba, onde atravesa a estrada de Negreira. Segue dous quilómetros por camiños de monte ata a cota 260 onde a atalaia das Torres de Altamira.
O cotarelo que contén os restos do castelo de Altamira ofrece un magnífica vista panorámica do val da Amaía, co monte Pedroso e as torres da catedral de Santiago ao nacente e a veiga de Padrón ao sur. Pódese admirar o que queda da soberbia fortaleza dos Moscoso, que fora derrubada polos Irmandiños no século XVI e logo reconstruída. Queda en pé boa parte do lenzo leste e maila torre da homenaxe, con outros restos de muros e o alxibe.
Unha pista de terra lévanos desde aquí á chan dos montes de Rañalonga, onde se localizan máis de dúas ducias de mámoas, algunha delas situadas na beira do noso camiño. Este punto marca a cota máis elevada do noso percorrido: 280 m. sobre o nivel do mar.
Ándanse uns 800 m. por pista de asfalto e éntrase na parroquia de Ons collendo á dereita unha pista de terra. Despois dun quilómetro e medio, atravésase a pista Ons-Agrón e vaise baixando por unha zona de arborado autóctono (carballos, cebros, salgueiros, bidueiros, ameneiros...) ata chegar á beira do río Tambre (encoro Barrié de la Maza). Nada máis chegar ao río (se o encoro non está moi alto) xa se atopa a pesqueira do Pozo Cardo.
Aquí atopamos a fervenza do Pozo Negro. Esta fervenza fórmaa o río Chavielos uns metros antes de entregar as súas augas ao Tambre. O nome de “pozo” venlle da profunda bacía que foi labrando na rocha o caer da auga durante miles de anos, e chámase “negro” polo ton sobrizo que lle dá ao lugar a mesta vexetación. É un lugar ideal para repousar, maiormente se o día está caloroso.
Continuando a ruta, chégase á Ponte Insua, punto que marca a metade do percorrido e onde se sitúa a área de piragüísmo do concello de Brión, cunha área recreativa arredor do edificio onde se pode descansar un anaco antes de continuar. Neste punto xúntanse a ruta que vimos seguindo e a ruta do Río Tambre (cor azul).
Atravésase a estrada Negreira – Urdilde, coa ponte sobre o encoro coñecida por Ponte de Ons ou Ponte Insua e séguese uns 900 m. pola beira do encoro. Neste treito vanse atopando as taboíñas que indican os nomes das fincas por onde se vai pasando (microtoponimia), froito da sinalización da ruta do Río Tambre.
Desviándose á esquerda, noutros 900 m. sóbese ata a aldea de Pazos e de aquí chégase á igrexa parroquial de Santa María de Ons, no lugar de Fonte Paredes. A igrexa é un magnífico exemplar de estilo neoclásico, de finais do século XVIII e o seu entorno é digno de admirar.
Saíndo da igrexa de Ons, por entre monte arborado e labrantíos chégase o lugar de Mourentáns, na parroquia de Viceso, coincidindo este tramo tamén coa ruta do Río Tambre que vén no sentido contrario. Atravésase a aldea e, saíndo dela, vólvese atravesar a estrada Negreira – Urdilde, meténdose o noso camiño de novo aos montes de Rañalonga.
No alto da Rañalonga, vaise dar ao chamado Camiño Francés, antigo camiño real que, vindo de Rois e Urdilde (antigamente “Terras da Luaña”), levaba cara Altamira e Ponte Maceira. A cada lado do Camiño Francés vese o circundo do vello vertedoiro de lixo, selado.
A partir de aquí, o noso camiño xa empeza a descender cara o val da Amaía e a aldea de Brión de Arriba. Xa nesta aldea atravésase a pista Pedrouzos – Gronzo e desde aquí queda un pequeno tramo de baixada de menos de dous quilómetros ata chegar de volta a Pedrouzos.
VARIANTES
Co fin de acurtar a ruta para aqueles que non teñan tempo ou azos para facela enteira, están sinalizados dous atallos, podendo facer un primeiro tramo duns 8 kms ou o primeiro e o segundo tramos que serían un total duns 14 kms aproximadamente.
Descarga da descrición en pdf: pincha aquí
DESCARGA MAPAS
Descarga mapa en pdf: pincha aquí
Descarga mapa en googlemaps: pincha aquí
Descarga mapa en wikiloc:
- ruta completa: pincha aquí
- tramo 1: pincha aquí
- tramos 2 e 3: pincha aquí
DESCARGA TRACKS
Formato gpx: pincha aquí
Formato kml: pincha aquí
Formato kmz: pincha aquí
Formato tcx: pincha aquí
FOTOS
Enlace a fotos: pincha aquí