BRIÓN: TERRA DE PERCORRER DE VAGAR


Brión é terra de percorre-la de vagar, mellor a pé ou a cabalo, aproveitando calquera das instalacións hípicas existentes. Xa aconsella o vello refrán: "A Amaia, pasala con día", para disfrutala, para descubrir a cada canto as variedades da súa paisaxe ("A Amaía é Galicia enteira en grandiosa síntese"). Asomarse ás atalaias do seu ondulante relevo: admira-lo val desde as Torres de Altamira ou dese o adro de Bastavales. Perderse na enramada ó longo de calquera dos seus infinitos fíos de auga: Brión é unha "mesopotamia" entre o Sar e o Tambre, cun tecido húmido de pequenos afluentes troiteiros, de augas transparentes, e regueiriños.

O visitante pódese mover ó chou, sen medo a perderse, ou programa-lo percorrido segundo as súas apetencias. Aquí propoñemos algunhas rutas que consideramos máis suxestivas.

O municipio de Brión cae cara o oeste de Santiago, camiño do mar. Atravésao a estrada AC-543 de Santiago a Noia: 13 quilómetros sepárano da capital galega e 23 desta vila mariñeira.

Paralela  a esta estrada  entrou en servizo a  autovía AG 56 - Santiago-Brión, que continuará a Noia como via de alta  capacidade.

Pasa tamén polo seu territorio a estrada de Bertamiráns a Muxía e conecta esta última coa N-55O por medio da LC-300 de Barreiros a Picaraña.

As  súas 106 aldeas, repartidas en 9 parroquias, con 3 entidades de poboación  divididas en 33 ruas  están intercomunicadas por unha rede de pistas asfaltadas que suma máis de 300 km., na que o visitante se pode guiar perfectamente gracias a unha ben estructurada sinalización.

Na nova división comarcal de Galicia, Brión quedou integrado na comarca de Santiago.

O CONCELLO DE BRIÓN


Brión é un concello galego da provincia da Coruña que se atopa a uns 13 kms. ao oeste de Santiago de Compostela, limitando cos concellos de Ames, Lousame, Negreira, Noia, Outes, Rois e Teo. Pertence á comarca de Santiago de Compostela.

O seu territorio ocupa 74.9 km² e ten unha poboación de 7772 habitantes distribuídos en 106 aldeas, repartidas en 9 parroquias. A súa capital é Pedrouzos, na parroquia de Brión, onde se atopan algúns dos seus principais servizos en materia de cultura, educación, sanidade e seguridade.

O seu relevo é ondulado cunha altura mínima de 30 metros sobre o nivel do mar e unha máxima de 525. 

Xosé Luis García García, actualmente do PSdeG-PSOE foi alcalde do concello de Brión de xeito ininterrumpido desde as primeiras eleccións democráticas, celebradas en 1979, continuando na actualidade no cargo. Inicialmente foi independente e nas eleccións municipais de 2007 encabezou a lista do PSdeG-PSOE, sendo reelexido como alcalde. A súa corporación está composta por trece concelleiros, tendo a maioría absoluta con oito, seguido do PP con dous, un do BNG e un non adscrito.

MAIS QUE SENDEIRISMO... QUE VER



A maiores de facer sendeirismo polo Concello de Brión, tamén podes deleitarte cos numerosos encantos turísticos que posue, non deixes de visitar os seguintes, que detallamos a continuación:

O CASTRO LUPARIO

Situado nas proximidades da aldea de Beca (Bastavales), conta a lenda xacobea medieval que era aquí onde tiña a súa residencia a Raíña Lupa cando os discípulos do Apóstolo Santiago trouxeron a enterra-los seus restos a Galicia. Na actualidade pódese ver dentro do recinto do castro, capital da tribu dos Amaeos, restos de muros, os máis deles posiblemente medievais, entre os que destacamos unha construcción rectangular de case setenta metros de longo por uns corenta de largo.

Nas cercanías do castro tamén se atopa a ponte do Río Tinto, de feitura romana, probablemente construída na Idade Media, e o Santo Arandel.

Outro castro destacable no concello é o de Lamiño, primeira acrópole castrexa da zona que se estudiou e que, segundo a lenda, foi construído polos mouros e ten no seu interior unha trabe de ouro que chega ata as torres de Altamira (cun pouco de sorte, na noite de San Xoán incluso se che pode aparecer na fonte de Agradacasa unha moza cunha galiña con pitiños de ouro).

AS IGREXAS E CRUCEIROS

En Brión pódese facer un fermoso percorrido polas igrexas das diferentes parroquias, principais obras arquitectónicas e artísticas do concello. Ademais da capela de Santa Minia e a igrexa de Bastavales coa capela do Carme, pódese visita-las igrexas parroquiais, a maioría delas de estilo barroco, de San Salvador, Os Ánxeles, Boullón, Luaña, Cornanda, Viceso, Ons e Brión. Estas, ademais do edificio, adoitan acoller pezas ás veces moi valiosas coma os retábulos, imaxes, ourivería, etc.

No percorrido polas diferentes parroquias tamén se pode atopar outro elemento moi importante do noso patrimonio, os cruceiros, entre os que compre destacar o de Bemil, Boullón, Vioxo de Abaixo, Goriña e Mourentáns.

BALNEARIO DO TREMO

No lugar do Tremo mana un manancial de augas sulfurosas das que se fai uso desde antigo para curar doenzas cutáneas, anque tamén son boas para a asma e, en xeral, para as dos aparellos respiratorio e dixestivo. Os veciños maiores lembran como antes era un lugar moi concorrido por persoas dos arredores, principalmente de Compostela. Ata a década dos sesenta aínda estaba en funcionamento o establecemento, pero en anos sucesivos foi quedando abandoado e cuberto pola vexetación. No solar construíuse en 1997 unha urbanización e desde o mes de abril de 2004 está funcionando o novo hotel e mailas instalacións do balneario.

Nesta mesma parroquia dos Ánxeles, entre as aldeas de Soigrexa e Estrar, existe outro manancial de augas medicinais coñecido como as Augas Ferras, situado á beira do río. A 200 metros existe outra instalación hoteleira, o Hotel Casa Rosalía.

O ENCORO BARRIÉ DE LA MAZA

No ano 1945 rematouse o encoro Barrié de la Maza sobre o río Tambre, entre as aldeas de A Graña e Vilariño (Cornanda). Este foi o primeiro encoro de grandes dimensións que se construíu en Galicia para produción de enerxía hidroeléctrica. O edificio da central, obra dun dos arquitectos máis famosos da época, Antonio Palacios, discípulo de Gaudí, está situado a sete Kms. río abaixo, xa no concello de Noia.

A auga dende o encoro ata a central lévase por unha canle descuberta que discorre paralela ó río, conservándose na franxa que queda entre o río e a canle, duns 200 metros, grande variedade de arborado autóctono.

Nos anos 60 constuiuse unha nova central eléctrica nas proximidades da anterior, para conducir a auga dende o encoro ata a central constuiuse un túnel.

AS TORRES DE ALTAMIRA

O monumento máis representativo do pasado histórico de Brión atópase nas torres de Altamira, testemuña das numerosas liortas entre a nobreza e a igrexa. A fortaleza de Altamira ocupa o lugar estratéxico dunha acrópole castrexa, datando a súa construción, segundo os historiadores, do século IX. Foi destruída polos irmandiños e porteriormente asediada no ano 1471 polas tropas do arcebispo de Santiago, baixo o mando de Luis de Acevedo, sen moita sorte.

A fortaleza chegou a ter seis torres ademais dun cómodo pazo e unha capela baixo a advocación dos Reis Magos.

Pouco a pouco foi perdendo importancia para os condes e pasando de mans en mans que lle reutilizaron as pedras para outras construccións ata chegar a hoxe, en que só quedan algúns restos do que fora unha das máis valerosas fortalezas na súa época.

CARBALLEIRA DE SANTA MINIA

Para os forasteiros, falar de Brión é falar de Santa Minia, a Santa mártir traída da catacumba romana de Santa Inés por Luis Tobío, que nacera en Lamiño o 1 de setembro de 1781.

O corpo da Santa chegou a Brión o 1 de agosto de 1848, aínda que o arcebispo Frei Rafael Vélez dispuxo que a urna fose exposta na igrexa paroquial para que tódolos veciños puideran venerala. A Santa non tivo unha capela propia ata pasados vinte anos, cando se habilitou o novo templo, de planta rectangular e aínda sen rematar.

Entre 1851 e 1857 construíuse a nave e a sancristía e en 1905 fíxose unha nova urna para as reliquias da Santa e mailos altares laterais, adicados á Virxe de Luján e á de Lourdes.

A Carballeira de Santa Minia é tan visitada como a urna da Santa. Tivo unha das mellores feiras que se celebraban na comarca, desde que fora trasladada alí a de Trasmil, en Agrón. A primeira feira celebrouse o día 30 de marzo de 1912.

Esta carballeira era o lugar elixido para as festas, xuntanzas de veciños, mitins políticos…, sendo memorable o acto de adhesión do concello ó levantamento contra o xeneral Espartero do 29 de xuño de 1843. Se os carballos falaran, ¡cantas historias contarían de acontecementos importantes, de amoríos e de unha que outra trasnada!

Á fermosura natural do lugar engadíuselle en 1913 a fonte adicada ó deus Hermes ou Mercurio (o deus do comercio, en referencia á feira que acababa de empezar), agasallo de Vicente Ramos. É unha grande pía octogonal que recolle a auga que botan pola boca catro cabezas de león colocadas no alto da pilastra que fai de pedestal da estatua.

OS PAZOS

Neste concello hai varios pazos entre os que salienta o de Trasouteiro. As partes máis antigas do pazo poideran datar do século XIV, pero sufriu varias reformas posteriores, sobre todo no século XVII. Como os condes non residían nel, o pazo estaba alugado por unha determinada cantidade ó ano (360 reais no ano 1762). Para este pazo viñeron varios obxectos das torres, entre eles o retablo barroco da desaparecida capela dos Reis Magos e unha artística fonte renacentista.

Un dos pazos máis interesantes do concello é o da familia Armesto, situado na aldea de Salaño Pequeno (Ons), que ademais da casa pacega de planta en “L” conta con capela e varias construcións auxiliares.

Outro tamén habitado é o do Armental, na parroquia de Os Ánxeles, e podemos atopar no Casal (Brión) as ruínas do pazo do mesmo nome.

IGREXA DE BASTAVALES

A arquitectura relixiosa en Bastavales está representada pola igrexa de San Xulián na que se traballa dende 1768. É de planta de cruz latina cunha única nave. Un detalle curioso é que mentras as demais igrexas están mirando cara oriente, a de San Xulián está orientada cara o occidente para, deste xeito, poder ve-las torres da Catedral de Santiago dende a porta principal. É na veciña aldea de Soigrexa dende onde Rosalía oía as campás da igrexa de Bastavales “Campanas de Bastavales, cando vos oio tocar mórrome de soidades”. Hoxe en día aínda se pode disfrutar do son das campás, sobre todo en días especiais, en que cun pouco de sorte podemos escoitar como o campaneiro as fai “bailar” a ritmo de muiñeira.

No entorno da igrexa atópase o monumental conxunto formado pola Capela do Carme, de estilo barroco, e o adro, “balcón da Amaía”, que ofrece unha das máis espléndidas panorámicas deste Val.

MAIS QUE SENDEIRIMO... FESTAS


Tamén podes aproveitar algunha das festas locais para achegarte a disfrutar do Concello de Brión. A festa máis emblemática de Brión é a romaría de Santa Minia, unha das máis sonadas de Galicia (devotos chegados de toda Galicia, pulpeiros, atraccións de feira, postos a centos de rosquiñas, bixutería, panadeiros, cereiros, ...).

XANEIRO
Días 7, 8, 9 e 10: Patronais (Bastavales)
Días 7, 8 e 9: Patronais (Luaña)

FEBREIRO
Día 3: San Brais (Os Anxeles)

MARZO
Día 19: San Xosé (O Casal-Brión)

MAIO
Día 15: San Isidro (Os Anxeles)
Día 22: Santa Rita (Ons)

XUÑO
Corpus Christi (Os Anxeles, Luaña e Bastavales)
Día 24: San Xoán (Viceso)

AGOSTO
Días 1, 2 e 3: Patronais (Brión)
Días 5 e 6: Patronais (San Salvador)
Día 11: San Xulián (Luaña)
Días 15-18: Patronais (Os Anxeles)
Santo Arandel (Bastavales)
Virxe do Rosario (Cornanda)
Días 30 e 31: San Ramón (O Tremo-Os Anxeles)

SETEMBRO
Festa dos Vellos (1º domingo)
Nosa Señora dos Milagres (Bastavales)
Día 16: Santa Eufemia (Ons)
Días 26 e 27: Romaría de Santa Minia (Brión)
Festa do Cabalo
Carreira Pedestre da Amaía
Días 29 e 30: Patronais (Boullón)

OUTUBRO
Día 12: Virxe do Pilar (O Tremo-Os Anxeles)

Copyright © Rutas de Sendeirismo no Concello de Brión - Concello de Brión