DATOS TÉCNICOS
Inicio: adro da igrexa de Santa María de Viceso. [42.867983, -8.748862]
Remate: adro da igrexa de Santa María de Viceso. [42.867983, -8.748862]
Kms: 10
Dificultade: baixa
A pé: si
Bicicleta: si
Nenos: si
Mascotas: si
Adaptada: non
Auga potable: si (fonte en Cristimil, na igrexa da Luaña e en Vioxo)
Perfil: 


DESCRICIÓN
RUTA 8 - LILA: Viceso- Pousada- Cristimil- Luaña- Vioxo- Vilar- Viceso

Esta ruta comeza na Igrexa de Santa María de Viceso e baixa por unha pequena costa que está pola parte de atrás do cemiterio ata a ponte que atravesa o río Traba, punto onde se xunta coa Ruta verde: Muíños e cruceiros de Viceso. Segue o camiño que vai bordeando o río e chega ata os cruceiros da aldea de Pousada (o Cruceiro da Goriña, o do cruce que está case enfrente e, no medio da aldea, o Cruceiro de Pousada). No medio da aldea sepárase da ruta verde e temos que coller cara á dereita, subindo ata o camiño que sae da aldea bordeando un establo de vacas. Este camiño vainos levar ata a aldea de Vexo, aldea que xunto coas de Espiñeiros e Cristimil forman o lugar coñecido coma Os Lugariños. 

Bordeando un anaco deste monte, imos saír a un camiño que temos que coller cara á esquerda para ir saír á estrada de Cristimil. Entramos nesta aldea por un pequeno camiño, bordeado pola esquerda por un muro de pedra, que nos leva ata a fonte da aldea. Desde aquí atravesamos a aldea e imos saír á estrada que, collendo cara á esquerda, nos leva ata a Igrexa de San Xulián da Luaña.

Neste punto, a ruta segue cara á esquerda, cara Tourís, pero vale a pena achegarse ata a Igrexa para vela e descansar un anaco no adro.

De volta no cruce de saída de Cristimil, collemos a estrada cara abaixo e, a uns metros, imos cara á dereita dirección Tourís. Despois da recta que leva a esta aldea, ao pasar as primeiras casas metémonos cara ao monte, á dereita, e a uns metros, xusto onde empeza a subida, collemos un carreiro á esquerda que, en época de choiva, pode estar un pouco enlamado. Seguimos este carreiro ata chegar a unha pista ancha. Aquí imos á esquerda cara abaixo e seguímola ata un pouco antes de chegar á zona asfaltada, onde collemos outro camiño, o antigo camiño sacramental de Vioxo de Abaixo á igrexa parroquial, que hai á dereita e que vai paralelo á estrada. Este camiño vainos levar directo ao Cruceiro do Saramagal ou Cruceiro do lavadoiro, pois á súa beira foi construído un lavadoiro cuberto. Aquí podemos descansar un pouco e repoñer auga na fonte.

Desde aquí subimos cara á aldea, onde atopamos un cruceiro de cruz asentado sobre unha rocha e, no medio da aldea, camuflado no muro dunha casa, outro cruceiro de capela, o Cruceiro do Quinteiro ou da Virxe das Dores. 

Saímos á estrada e imos cara á esquerda para, a un par de metros, coller á dereita por un camiño que nos vai levar polo medio de montes e prados ata a aldea de Vilar. Cando saímos desta zona de prados á estrada, podemos ver ao fondo á esquerda a praia fluvial de Nináns, unha boa parada se vai bo día e nos apetece un chapuzón. Sen embargo, a ruta segue cara á dereita e tras uns metros pola estrada collemos unha corredoira que hai á man esquerda e que, bordeando unhas fincas e casas, nos leva ao medio da aldea de Vilar, onde podemos ver outro Cruceiro. Aquí temos que coller o camiño que sae á esquerda e que se une a un de monte que nos vai levar directos á aldea de Esparís.

Ao chegar a Esparís, collemos á esquerda cara abaixo ata chegar ao cruce da Igrexa, lugar onde se une de novo coa Ruta verde e que nos leva ao sitio onde comezamos a ruta.

Descarga da descrición en pdf: pincha aquí

DESCARGA MAPAS
Descarga mapa en pdf: pincha aquí
Descarga mapa en googlemaps: pincha aquí
Descarga mapa en wikiloc: pincha aquí

DESCARGA TRACKS
Formato gpx: pincha aquí
Formato kml: pincha aquí
Formato kmz: pincha aquí
Formato tcx: pincha aquí

FOTOS
Enlace a fotos: pincha aquí

Copyright © Rutas de Sendeirismo no Concello de Brión - Concello de Brión