DATOS TÉCNICOS
Inicio: aldea de Vidaloíso, Bastavales. [42.827555, -8.647274]
Remate: Aldea de Vidaloíso, Bastavales. [42.827555, -8.647274]
Kms: 10.5
Dificultade: baixa
A pé: si
Bicicleta: si
Nenos: si
Mascotas: si
Adaptada: non
Auga potable: si (o Tremo)
Perfil: 


DESCRICIÓN
RUTA 3 - AÑIL: Vidaloíso - Río Sar - Outeiro - O Tremo - Igrexa dos Ánxeles - Estrar - Gándara - Vidaloíso

Andaina circular de 11 kms. de distancia e dificultade baixa ao discorrer na súa totalidade pola zona do Val da Mahía. 

A ruta discorre polas parroquias de Bastavales e Os Ánxeles. Comeza e remata na zona recreativa da aldea de Vidaloíso, onde hai unha pequena carballeira, con sitido para xogar, un cruceiro e un lavadoiro.

Esta ruta comparte na zona de Vidaloíso e do río Sar un bo tramo ao ir e ao voltar coa Ruta do Río Sar, e na zona dos Ánxeles coa Ruta dos Ánxeles a Brión, tramos que están sinalizados nas diferentes cores das rutas tendo que seguir sempre os sinais de cor azul escuro que é a desta ruta.

A ruta comeza na aldea de Vidaloiso, onde se pode deixar o coche aparcado sen problema. Poñéndonos de frente ós carteis de inicio das rutas, comezamos a ruta collendo cara á esquerda, baixando pola estrada cara a ponte de Vidaloíso que cruza o río Sar, zona de especial protección incluída na Rede Natura como parte do LIC Sistema fluvial Ulla-Deza, coincidindo xa este primeiro tramo coa Ruta do Río Sar. 

Ao chegar á ponte, xusto antes de cruzala, collemos un camiño á esquerda que vai en chan pola beira do río. É un camiño estreito, de pescadores, e aquí hai que ter coidado e coller este que vai pegado ao río e non o que sube polo monte. 

Seguimos este camiño durante aproximadamente un quilómetro, polo medio dunha vexetación exhuberante e coa posibilidade de disfrutar dos impresionantes carballos, as caídas de auga e, cun pouco de sorte, das numerosas aves que viven alí (melros, patos, garzas, lavandeiras, paporubios, etc). Continuamos ata chegar aos prados de cultivo de millo. 

A un km. de distancia da ponte, a Ruta do río Sar desvíase cara á esquerda pero a nosa ruta segue pola beira do río deixando as leiras do millo a man esquerda ata que o camiño do río remata nunha destas leiras e, bordeándoa pola esquerda, continúa por un camiño totalmente recto tamén entre leiras e prados. 

Hai que seguir este camiño sen desviarse ata chegar á aldea do Outeiro dos Ánxeles, onde xusto ao pasar a ponte por riba do río colleremos a estrada cara á esquerda para deixala xa na seguinte curva desviándonos cara á dereita por un camiño de terra polo medio das árbores, camiño que nos levará directos ata o Balneario do Tremo, onde hai un área recreativa onde podemos descansar un anaco e tomar as augas sulfurosas da fonte do balneario, moi boas para os problemas dixestivos e de pel.

Desde o balneario saimos á estrada Santiago-Noia á altura da capela da Guadalupe, punto onde coincidiremos coa Ruta dos Ánxeles a Brión, pintada en vermello. Continuamos pola estrada, desviándonos a uns metros cara á esquerda para achegarnos ata un pequeno cruceiro disimulado entre as casas, e de volta á estrada collemos de novo cara á esquerda pola rúa Santiago, entrando na aldea do Alqueidón coa súa típica fonte do Santo Antón. 

Tras un pequeno tramo de subida polo medio da aldea chegamos á estrada que vai dos Ánxeles a Padrón e case enfrente, á esquerda, xa vemos a pequena subida que nos leva ata o adro da Igrexa dos Ánxeles, onde poderemos descansar un rato.

Desde o adro baixamos de novo ata a estrada e collemos cara á dereita e aos poucos metros, despois do Mesón o Adro e antes do Hotel Casa Rosalía, xa nos desviamos cara á esquerda por unha corredoira entre as casas de Soigrexa. Desta aldea o camiño lévanos ata Estrar, onde colleremos á dereita un camiño de monte (o segundo á dereita) que vai ata a aldea da Gándara.

Cruzamos a estrada e entramos en liña recta na aldea da Gándara e de aquí saímos cara Vidaloíso por outro camiño que se colle ao final da aldea e que discorre entre prados á esquerda e árbores á dereita, atopándonos ao pouco de novo co camiño da Ruta do río Sar, compartindo este último tramo da ruta ata chegar de novo a Vidaloiso. Este tramo vai dereito polo camiño principal e, case ao final, sepáranse as dúas rutas: a do río Sar continúa recto mentras que a que nos ocupa colle un camiño á esquerda que baixa directo ata a ponte.

Desde a ponte collemos pola estrada á dereita subindo de novo ata o punto onde iniciamos a ruta.

Recoméndase, ao principio ou ao final do percorrido, dar un paseo por Vidaloíso, aldea con elementos singulares, ademais dos paisaxísticos, que vale a pena ver.

Nesta ruta cabe destacar como puntos de especial interese a ribeira do río Sar, a zona do Balneario do Tremo, a igrexa e adro da Nosa Señora dos Ánxeles con cemiterio incluído e os lavadoiros, fontes, cruceiros, hórreos que imos atopando polo camiño.

Descarga da descrición en pdf: pincha aq

DESCARGA MAPAS
Descarga mapa en pdf: pincha aquí
Descarga mapa en googlemaps: pincha aquí
Descarga mapa en wikiloc: pincha aquí

DESCARGA TRACKS
Formato gpx: pincha aquí
Formato kml: pincha aquí
Formato kmz: pincha aquí
Formato tcx: pincha aquí

FOTOS
Enlace a fotos: pincha aquí

Copyright © Rutas de Sendeirismo no Concello de Brión - Concello de Brión